domingo, 26 de abril de 2009

PEPITA DE MALLORCA


baby_049.gif (10979 bytes)
`


De cativa pensaba que a miña vida era mais ben sinxela e sen moito que contar. O fin e o cabo eu era unha nena do rural e no rural non pasan cousas importantes, nin se viven mil aventuras. Non tardei moito en decatarme de que a todos nos acontecen cousas interesantes , todo depende do xeito de velas e de narralas. Nacín nunha aldea pequena do concello de Lalín, nunha de tantas que hai espalladas polo agro galego. Para moitos sería un lugar no cu do mundo, pero para min, o mundo empezaba alí.

Meus pais eran labregos, bueno, non sempre foron labregos. Meu pai foi mineiro, traballou nas minas da Brea varios anos, non moitos, pero si o suficientes para enfermar, coma moitos compañeiros seus, do chamado "mal da mina" ou silicosis que lle danou os pulmóns. Daquela prexubilárono e foi cando se adicou os traballos da labranza. Faleceu de silicosis os 57 anos, pero iso xa é outra historia.

Era de Rodeiro e polo tanto, cambote, pero el estaba moi orgulloso de selo. Acostumaba a dicir cun sorriso: - Que tumba ,que tamba, cambote de Camba!
Eu cheguei o seo desta familia de labregos nunha fría mañán de xaneiro de 1968, as seis do mencer, disque a hora do "Rosario da Aurora". A matrona que atendeu a miña nai no parto ,tamén se chamaba Aurora, así que non é moi difícil imaxinar como me puxeron a min... Pois si , puxéronme Aurora.

O meu pai dicía que nos deixaba na ventá do cuarto onde eles durmian unha cigüeña chamada Pepita de Mallorca. Como chegaba moi cansa e esfameada poñíalle un queixo no pico para a viaxe de volta, e creo que lle gustaba moito o queixo porque non deixaba de traer rapaces a nosa casa. Miña irmán Carmen, que sempre foi moi espaiolada, dicía que ela non viñera de Mallorca. Ela naceu nuhna bombilla. Supoño que nalgún intre oíu a miña nai dicir que dira a luz dela na casa, así que pensou: - Se miña nai deu a luz e aparecín eu..., pois tiña que estar dentro da bombilla. Os meus pais rian co conto e dicíanlle: - Si filliña, ti fuches a única que naceu nunha bombilla.

Daquela todos os nenos viñan de París, pero supoño que non estaban as cousas como para traer rapaces de importación, así que na miña casa todo era produto nacional, ata as vacas eran do país e o can de palleiro, como debe ser.






No hay comentarios: